viernes, 19 de junio de 2015

 As nenas queren ser ‘principiñas’


O vídeo ‘Principiñas e princesiños’, do programa municipal Namorando, convértese nun pequeno fenómeno viral ao acadar preto de 50.000 reproducións en Internet. Na iniciativa, dirixida pola psicóloga Jone Ojeda, máis de 20 alumnos de 4º de Primaria de sete colexios de Pontevedra lanzan mensaxes que rachan tópicos sexistas



A psicóloga Jone Ojeda co vídeo do seu proxecto . GONZALO GARCÍA

A psicóloga Jone Ojeda co vídeo do seu proxecto . GONZALO GARCÍA
"E non pode ser a princesa a que salve ao príncipe?". "Se eu fose un príncipe e me rescatase unha princesa, daríame un pouco igual. Con tal de que me rescaten...". "As princesas sempre teñen que ser as que fregan. Pero tamén teñen dereito a vivir aventuras!". As afirmacións son de nenos de 4º de Primaria (9 e 10 anos) de colexios de Pontevedra. Fanas no vídeo ‘Principiñas e princesiños’, que recompila reflexións sobre as que se veu traballando ao longo do último curso dentro do programa municipal Namorando e que se converteu nun pequeno fenómeno viral na rede ao acadar preto de 50.000 reproducións.

A directora deste proxecto é a psicóloga Jone Ojeda. "A idea xurdiu dentro dun traballo de investigación que fixen ao rematar un máster de Orientación Educativa", conta. "Decateime de que, a medida que os nenos medraban e se convertían en adolescentes, cousas que antes tiñan moi claras sobre o amor e a parella deixaban de estalo e as emocións nublaban a razón".
Ojeda, que naceu en Vitoria e leva tres anos vivindo en Pontevedra, propuxo unha intervención con traballos complementarios nas aulas. O Concello de Pontevedra financia entón a campaña ‘Namorando’, que busca rachar cos tópicos sexistas e previr a violencia de xénero. "A miña opinión é que hai que traballar estas cuestións dende que os nenos son moi pequeniños, porque todo iso é o que vai condicionar o seu comportamento despois".

A través da produtora Espejo Mágico, Jone Ojeda realizou un primeiro vídeo, titulado precisamente ‘Namorando’, con rapaces de Secundaria. A continuación desa historia, ‘Principiñas e princesiños’ foi a que de verdade conseguíu repercusión. O portal Yahoo Tendencias colgou o vídeo na súa web e en dúas semanas conseguiu máis de 5.000 visualizacións.

"Sabiamos que o que de verdade tiña forza era ver aos propios nenos soltando esas afirmacións. Era máis potente iso que calquera mensaxe que un adulto ou unha institución puidese lanzar", di Ojeda.

En ‘Principiñas e princesiños’, os cativos aparecen falando a cámara e dando as súas opinións sobre as historias de amor nos contos de fadas ("que un príncipe e unha princesa que, aínda ben non se coñecen, xa casan, non ten sentido ningún»), o que significa ser valente («eu son valente e non teño medo a chorar"), as etiquetas sexistas ("non hai xoguetes de nenas e xoguetes de nenos: eu xogo coas bonecas da miña irmá e é un bo entretemento"), os estereotipos machistas ("as princesas sempre casan porque son guapas") e a homosexualidade ("pareceríame ben que un príncipe se namorara doutro príncipe"). O vídeo conta cos testemuños de alumnos dos CEIP da Xunqueira 1 e 2, Vidal Portela, Álvarez Limeses, Cabanas, Príncipe Felipe e San Benito de Lérez.


XITANOS. O CEIP San Benito de Lérez non só participa neste vídeo, senón que fai os seus propios. Contan cunha canle en YouTube, que administra o mestre Javier Prado. "Este ano o Consello Estatal do Pobo Xitano puxo en marcha a campaña ‘Yo no soy trapacero’, solicitando que desaparecese esa definición ["que estafa ou obra con engano"] de ‘xitano", conta o mestre. "Impactoume e quixemos facer algo cos nosos alumnos".

Así xurdiu o vídeo ‘Lérez no es trapacero’, onde once pequenos xitanos falan de como se ven a si mesmos. "E o que ves son simplemente nenos", di Prado. "Dende o CEIP San Benito de Lérez cremos que unha definición discriminatoria xera discriminación. Non convirtamos ás persoas nalgo que non son", explican no vídeo.

O vídeo ‘Principiñas e princesiños’ pódese ver na canle da produtora Espejo Mágico en Vimeo e no portal de Yahoo Tendencias ‘Lérez no es trapacero’ é o último traballo audiovisual que o mestre Javier Prado subiu á canle do colexio de Lérez en YouTube